Sunday 19 de May de 2024

Medio Rural chegou a 70 beneficiarios de Bergantiños-Costa da Morte con máis de 1,8m€ coas axudas de incorporación de mozos, plans de mellora e pequenas explotacións


Ovidio Rodeiro destacou que estas axudas son das máis destacadas da Consellería de Medio Rural e teñen como obxectivo fixar poboación no rural
O delegado da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, fixo balance das axudas que tivo a comarca de Bergantiños-Costa da Morte a través da orden de apoios aos investimentos nas explotacións agrícolas, de creación de empresas para os agricultores mozos e de pequenas explotacións. En total, esta comarca recibiu 1,8M€ da Consellería de Medio Rural e chegouse a 70 beneficiarios. Concretamente o plan cunha maior contía foi o de Plan de Mellora que beneficiou a 23 gandeiros e agricultores e contou cunha achega de 963.000 euros. Na liña de incorporación de mozos na comarca chegou a 18 beneficiarios cunha axuda de 503.000.

A esta cifra aclarou Ovidio Rodeiro, hai que engadir as 21 axudas a pequenas explotacións cunha achega de 315.000 euros e as 2 axudas para explotacións agrícolas especializadas en produción vexetal con máis de 26.000 euros.

Rodeiro lembrou que está é unha das ordes de axudas máis destacadas da Consellería de Medio Rural, xa que consegue mellorar a estrutura produtiva das explotacións e avanzar na consecución dunha adecuada dimensión e un correcto equilibrio dos seus factores de produción co obxectivo de mellorar a competitividade do rural galego. Ao mesmo tempo, coa liña mozos, búscase un rexuvenecemento da poboación activa rural e o fomento do emprego no agro, con especial consideración cara as mulleres, co fin último de fixar poboación no medio rural.

Entre os gastos subvencionables por esta orde están a compra de nova maquinaria, gastos para a elaboración de proxectos técnicos de construción ou reforma das explotacións, permisos, licencias, plantación e mellora de cultivos, compra de novos terreos e adquisición ou desenvolvemento de programas informáticos. Ademais, nesta orde tamén se apoia economicamente a incorporación de mozos ás actividades agrarias e gandeiras, co fin de fomentar o relevo xeracional nas explotacións.